O Concello amplía as clases de ioga a Vilaboa
O ioga estase a consolidar como unha das actividades deportivas da programación municipal con maior demanda entre a veciñanza. Así o constatan as cifras de persoas que solicitan ano tras ano a actividade e que levou ao Concello a crear, o pasado exercicio, dous grupos na parroquia de Valdoviño. Así mesmo, pechado o prazo de inscrición deste curso, e ante a necesidade de conformar unha lista de espera de por si significativa, a Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra acordaba poñer en marcha a actividade tamén en Aviño. A pesar disto, e dadas as novas inscricións rexistradas nesta parroquia, a lista de espera non decaeu tal como se esperaba e, hoxe, Saavedra anunciaba que as clases tamén se impartirán na parroquia de Vilaboa. Explicou que a medida vai na liña marcada polo goberno municipal de descentralizar a programación deportiva nas parroquias, acurtando distancias e favorecendo a asistencia dos veciños e veciñas.
Deste xeito, as persoas interesadas en anotarse poden facelo dende xa no rexistro xeral da casa consistorial. A intención é iniciar as clases a primeira semana de novembro. Celebraranse no local social de Vilaboa, os martes e xoves de 16,30 a 18 horas e o prezo da actividade é de 20 euros/mes.