Cáritas Valdoviño e Meirás reciben 500 kgs de alimentos recadados na I Quedada Moteira organizada polo Cámping A Lagoa
Eliseo Carballeira, en representación do Cámping municipal A Lagoa, fixo entrega esta tarde a Cáritas dos alimentos recadados na primeira edición da Quedada Moteira. Unha cita celebrada a primeiros de mes e na que participaron 70 motocicletas. O Cámping A Lagoa, promotora da mesma, quixo outorgarlle un marcado carácter solidario e, por isto, decidía que unha parte da recadación se destinaría a colaborar coa labor de Cáritas Valdoviño e Meirás. Así, eses fondos permitiron adquirir ata 500 quilogramos de alimentos.
Esta tarde celebrábase a entrega oficial nas instalacións do Cámping A Lagoa, nun acto que contou coa presenza do alcalde, Alberto González; das concelleiras de Servizos Sociais e Sanidade, Ana Belén Pérez e Pilar Caamaño, do edil de Servizos, Benito Vega, e integrantes de Protección Civil. Xunto a eles, as representantes locais de Cáritas Valdoviño, Luisa Rey e María Josefa Padín, e de Meirás, Maribel Casal, Maribel Loureiro e Montse Rodríguez, que agradecían especialmente a entrega.
O continxente de alimentos, entre os que destacaban os lotes de aceite, leite e patacas, distribuiranse entre unhas 30 familias do municipio.
A QUEDADA
A I Quedada Moteira, que contou coa colaboración do Concello de Valdoviño, a obra social de La Caixa e Estrella Galicia, foi unha das actividades organizadas polo Cámping municipal de A Lagoa para dinamizar as instalacións e ofrecer propostas de lecer durante os 365 días do ano. Incluía unha ruta baixo a denominación «Litoral Norte» e diversas actividades. A boa acollida da mesma fai pensar nunha segunda edición.
