O Concello prevé aforrar 10.000 euros anuais coa adquisición de casetas de socorrismo e aseos móbiles para os areais

O Concello de Valdoviño informa de que a Xunta de Goberno Local proporá a adxudicación á empresa CIMBRA CONTRACTS SL do contrato para o subministro e instalación de casetas que den servizo aos socorristas e máis aseos portátiles. Infraestruturas que se emprazarán naquelas praias do municipio que carecen de instalacións permanentes e, segundo explicou o alcalde, Alberto González, con esta iniciativa o Concello evitará cada verán o correspondente desembolso polo aluguer destas instalacións, estimado nuns 10.000 euros anuais.
 
A adquisición e instalación, por importe de 82.989,99 euros, finánciase cunha achega da Deputación provincial da Coruña e máis fondos municipais.
 
En concreto, o Concello prevé a adquisición de tres aseos e de 4 instalacións de socorrismo. Nos dous casos, cunha estética unificada e cunha estrutura metálica e en madeira tratada, material respectuoso e acorde coa contorna natural. As unidades solicitadas serán portátiles, de tal xeito que poderán ser trasladadas e reubicadas en función da demanda de cada momento. Os aseos serán adaptados para persoas con diversidade funcional.