Os Concellos da Mancomunidade compartirán documentación para facilitar a adopción de medidas coas que paliar os efectos económicos da epidemia de coronavirus

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta mañá, entre as 12 e as 13,20 horas, unha nova reunión por videoconferencia. As administracións locais están a xogar un papel clave na xestión da crise, e deben tomar decisións complexas ante unha situación sen precedentes. Neste sentido, o órgano supramunicipal está servindo para que os responsables locais intercambien información sobre as situacións ás que se enfrontan e a maneira de articularse con outras administracións. A sesión celebrada no día de hoxe permitiu coñecer os criterios que se están a adoptar nos distintos concellos en canto ao reparto de equipos de protección individual ás persoas que se incorporaron aos seus postos de traballo nesta semana e aos colectivos máis vulnerables, e informouse sobre as medidas fiscais que se están a estudar en cada concello para minimizar o impacto da crise sanitaria nas persoas e actividades económicas máis afectadas. A este último respecto, acordouse crear un repositorio de documentación para que os nove municipios poidan compartir documentos relativos ás medidas fiscais e empregar como base os acordos e informes dos concellos veciños.
 
A reunión tamén serviu para anunciar a renovación do Convenio entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Universidade da Coruña para a Cátedra sobre Xestión de Emerxencias creada o pasado ano. Esta iniciativa xa foi impulsada con anterioridade á actual crise sanitaria, pero a presente situación confirma a necesidade deste instrumento, baseado na coordinación dos servizos de protección civil municipais e na transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico coa Universidade.