ValdoAntídotos contra o coronavirus

O Concello, a través da Concellería de Cultura, vén de poñer en marcha «ValdoAntídotos» contra o coronavirus. Un proxecto que amadriña a escritora local Rosa Aneiros dirixido aos nenos e nenas e rapaces e rapazas do noso municipio. Con el, preténdese combater a segunda pandemia derivada do COVID-19, a pandemia da tristeza, o aburrimento e a desesperanza que asola a moitas persoas soas, enfermas ou preocupadas por un futuro incerto. Para combatila, o Concello quere pedir a axuda da veciñanza máis nova e solicítalles que constrúan os seus ValdoAntídotos.
 
Pero, ¿que son os ValdoAntídotos? Mensaxes de ánimo e esperanza en forma de contos, debuxos, manualidades, cancións, cartas a amigos/as, reflexións… toda forma de creación é válida neste proxecto! Feito isto, é preciso compartilo é, para iso, o Concello propón varias fórmulas: enviar as imaxes, vídeos, escritos… a través do correo comunicacionconcellovaldovino@gmail.com; do whatsapp 649 34 75 60 ou subilas a redes etiquetando ao Concello (@concellodevaldovino).
 
Porque como ben sinala Rosa Aneiros «a vida, compartida, é mellor», compartiremos todos os ValdoAntídotos na páxina de facebook do Concello para, así, combater entre todos e todas o coronavirus.
 
Un proxecto contra a desesperanza no que tamén colaboran o CPI Atios, as escola unitarias do CRA O Esquío, a Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia e o Océano Surf Museo e que, sen dúbida, espera continuar sumando apoios.