Os concellos da Mancomunidade acordan adquirir de forma conxunta material de protección fronte ao coronavirus

A escaseza de equipos de protección individual (EPI) contra o COVID-19 motivou que hoxe os representantes municipais na Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acordaran aproveitar esta entidade para centralizar a adquisición de máscaras. Na xuntanza telemática celebrada a última hora da mañá, analizouse a situación en canto ao material do que dispoñen a día de hoxe os concellos, que, pese aos esforzos que veñen facendo dende o inicio da crise, carecen de suficientes EPIs para satisfacer as necesidades que se van detectando entre persoal sanitario, traballadores de servizos sociais, membros dos equipos de emerxencias e poboación de risco en xeral.
 
Os asistentes coincidiron tamén en que a pesar do intenso traballo que están a realizar outras Administracións, o material recibido ata agora polos concellos non é suficiente nin proporcional. Ante esta situación, os rexedores acordaron impulsar os trámites para que a Mancomunidade o adquira para os nove municipios, aproveitando a economía de escala e eficiencia de centralizar a xestión neste órgano. As compras da entidade supramunicipal centraranse nas máscaras do tipo FFP2, que ofrecen unha maior seguridade fronte ao coronavirus que as cirúrxicas ou as FFP1 e que son as que están a demandar principalmente os sanitarios pola súa efectividade.