A Cooperativa de Vilaboa, a través da súa fundación, dona 6.000 euros aos Servizos Sociais de Valdoviño

O presidente da Fundación San Vicente de Vilaboa, Fernando Sanesteban Coira, e o presidente da Cooperativa de Vilaboa e mecenas único da fundación, Ángel Caneiro Vilela, entregaron onte pola tarde ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, un donativo de 6.000 euros con destino aos Servizos Sociais do Concello de Valdoviño. O acto celebrábase ás portas da cooperativa, con presenza dunha representación dos traballadores e traballadoras das diferentes seccións da cooperativa.
 
O alcalde agradecía en nome da veciñanza este xesto xeneroso e inesperado da Fundación que contribuirá así a axudar a quen máis o precisa nestes momentos de alerta xerada polo coronavirus. Uns fondos que se destinarán a sufragar programas postos en marcha nas últimas semanas polo departamento municipal de Servizos Sociais como a adquisición e reparto a domicilio de alimentos e menciñas para persoas maiores que viven soas e en especial situación de vulnerabilidade, axudas de emerxencia social, servizos de apoio psicolóxico ou de respaldo a mulleres vítimas de violencia machista…