Últimos días para presentar candidaturas á Gala do Deporte de Valdoviño

O Concello pechará o vindeiro 16 de marzo o prazo de presentación de candidaturas para os galardóns da Gala do Deporte de Valdoviño. Unha cita que se celebrará o 27 de marzo no pavillón municipal de O Longoiro, en Meirás, e coa que o Concello quere recoñecer e pór en valor os méritos dos/as deportistas locais que teñan destacado especialmente ao longo do 2019, pero tamén a novas promesas e adestradores/as, e a entidades e persoas que contribuísen especialmente á promoción do deporte a través do seu traballo e entrega.
 
Cada clube ou federación poderá presentar un máximo de dúas categorías por disciplina. Ademais, os impresos de candidatura poden descargarse da web municipal e hai que entregalos na casa consistorial -no rexistro municipal-. O impreso, debidamente cuberto, virá acompañado dun CD coas fotografías dos nomeados/as en formato JPG (a poder ser desenvolvendo a actividade deportiva). Así mesmo, as bases poden consultarse na web municipal http://www.concellodevaldovino.com/?q=gl/node/4045.
 
Entre os requisitos mínimos a cumprir, está residir en Valdoviño e pertencer a algún dos seus clubes; por circunstancias especiais, estar fóra do concello e, a xuízo do clube, federación ou xurado, ser merecedor/a do nomeamento, ou ter algún tipo de especial vinculación co municipio.
 
Haberá premios en cada unha das especialidades, tanto en categoría feminina como masculina, e a maiores catro mencións especiais: mellor promesa, mellor traxectoria deportiva, mellor adestrador/a e mención polo traballo, adicación deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello. Así mesmo, as bases contemplan unha mención especial en caso de que así o considere o xurado por algunha circunstancia especial.
 
No caso da mellor promesa, enmarcaranse aqueles e aquelas deportistas que aínda non chegaron á súa plenitude deportiva, ben pola súa idade ou ben pola súa curta vida deportiva, pero que xa acadan resultados destacados na súa especialidade, o que fai pensar que si son capaces de progresar ao longo dos próximos anos e que se consolidarán como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías. Na mellor traxectoria deportiva inclúense aqueles e aquelas deportistas que estean totalmente formados e consolidados deportivamente e que a súa transición dende as categorías de base ata a actualidade fora marcando unha traxectoria ascendente ata consolidarse como grandes deportistas. Ademais, deberán cumprir os requisitos comúns de todas as categorías.