Veciñas vencelladas ao cine e o arte protagonizarán este domingo a mesa de diálogo organizada polo Concello no Día da Muller

Valdoviño celebra este domingo o acto central do Día da Muller reunindo arredor dunha mesa de diálogo e intercambio de experiencias a veciñas vencelladas ao mundo do cine e da arte. Trátase da artesá Fátima Grandal; da estudante Cecilia Grandal, con experiencia como cantante nunha orquestra; da cineasta Noelia Uceira, e da mestra de inglés Stefanie Pasterkamp, noutrora deseñadora de interiores e responsable do atrezzo para espectáculos teatrais. Serán as protagonistas do coloquio que terá lugar o domingo a partir das 19 horas na Casa da Cultura, baixo o título «As voces femininas no cine, na arte e na realidade patriarcal», moderado pola xornalista Elisa Piñón. A entrada, libre e de balde ata completar aforo.
 
No transcurso do acto, o público poderá asistir á proxección da curta «Matria», de Álvaro Gago e, ao remate, realizarase un percorrido guiado pola exposición «Galicianas. Mulleres galegas facendo historia», da asociación Vai Rañala Meu! Mostra que hoxe abre ao público e que poderá visitarse de martes a domingo de 12 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
 
A programación continúa…  
 
O vindeiro xoves, día 12, o Concello convida ás familias a un obradoiro baixo o título “Educar na igualdade, na seguridade e na liberdade de ser”, a cargo de Raquel Veiga. A inscrición na actividade, gratuíta, está aberta no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da consistorial- e as familias poderán optar a un servizo de coidado de menores que o CRA O Esquío habilita para favorecer a asistencia. Terá lugar na escola de Lago ás 17 horas.
 
O sábado 14, o Concello organiza un roteiro guiado polo universo de Concepción Arenal en Ferrol a cargo do profesor Orlando Jara. Arrancará ás 18 horas do Cantón de Molíns, con prazas limitadas e inscrición previa na Casa da Cultura (981 48 76 66) ata o día 12 de 11 a 14 horas en días laborables.
 
O día 17, o local social de Lago acollerá a presentación do libro «EspadELA: Historias de Vida», un traballo realizado polas mulleres da Escola de Apoderamento. Será a partir das 18 horas, con entrada libre.
 
O domingo 22 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a representación da obra «8M(ULIER)», a cargo da compañía Trémola Teatro, e dirixida a un público maior de 16 anos. Con entrada de balde, dará comezo ás 19 horas, namentras que o venres 27 inaugurarase a exposición «Nosoutras somos arte», de Francesca Maddedu Novo na Casa da Cultura, nun acto que arrancará ás 18 horas.
 
Pechando o mes, e dirixida aos/as alumnos/as de 3º e 4º de Educación Secundaria do CPI Atios, a Casa da Cultura acollerá o martes 31 de marzo ás 11,30 h a representación da peza teatral «Vestido de Voda». Unha obra que promove as relacións respectuosas dentro da parella e o desenvolvemento dunha conciencia crítica sobre a violencia de xénero.