Visita da conselleira de Política Social a Valdoviño para abordar o papel dinamizador do futuro centro sociocomunitario

«Era unha visita que tiña pendente» aseguraba esta mañá a conselleira de Política Social, Fabiola García, nada máis entrar no salón de plenos da casa consistorial de Valdoviño. Alí se desenvolveu parte da xuntanza que mantivo co alcalde, Alberto González, e máis outros concelleiros e concelleiras da corporación. Con eles, o equipo de arquitectos do estudo Antha e o arquitecto municipal. Foron estes os encargados de explicar o proxecto do primeiro centro sociocomunitario do municipio.
 
Unha intervención que encara a recta final das obras da primeira e segunda fase. Traballos orzamentados en máis de 290.000 euros, dos que a Consellería de Política Social aporta 150.000 euros vía convenio.
 
Posteriormente, a conselleira puido comprobar a evolución da execución do centro sobre o terreo. Nesta liña, Fabiola García e Alberto González destacaron que o edificio marcará un punto de inflexión nas políticas sociais da Administración local. Un espazo de encontro e actividade interxeneracional, que poderá albergar tamén actividades de formación.