Últimos días para apuntarse á xornada entre empresas e autónomos locais organizada polo Concello de Valdoviño

O Concello de Valdoviño pechará o vindeiro venres, 14 de febreiro, o prazo de inscrición na xornada entre empresas e persoas autónomas con sede no municipio que organizará este mes como punto de encontro para dar a coñecer os seus servizos e establecer redes de colaboración. Celebrarase o xoves 20 de febreiro ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura e está aberta a todos os sectores económicos. Así, as firmas e autónomos locais interesados en tomar parte deben formalizar a súa inscrición no seguinte enlace http://bit.ly/xornadaempresas.
 
O alcalde, Alberto González, sinala que o obxectivo pasa por establecer contactos entre todas as entidades que teñan a súa sede no territorio local, co ánimo de darlles a oportunidade de darse a coñecer e establecer sinerxias.  
 
Así mesmo, o Concello poderá confeccionar e actualizar a súa base de datos para futuras accións específicas e as empresas terán a oportunidade de dar a coñecer os seus servizos ante o propio tecido empresarial (buscando sinerxias, ventas cruzadas, novas oportunidades de negocio e novos proxectos ou mesmo valorar a posibilidade de activar algunha asociación profesional).
 
En función do número de inscricións e perfís, organizarase a orde do día e a metodoloxía. Así mesmo, os participantes terán a opción de expoñer folletos, tarxetas de visita e material promocional nun espazo habilitado a tal efecto.