A medallista olímpica Begoña Fernández Molinos, nas Olimpiadas do CPI Atios

Foi a capitana da selección española de balonmán. O equipo que logrou o bronce nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, convertíndose na primeira galega en traer para Galicia unha medalla. Un ano antes, colgábase tamén a medalla de bronce no Campionato do Mundo disputado en Brasil. Un currículum deportivo, o da viguesa Begoña Fernández Molinos, de cun laudem. Sen embargo, nin un só dos seus méritos citou na charla que esta mañá ofrecía no CPI Atios de Valdoviño. Begoña Fernández quixo centrarse nos valores do deporte e aseguraba que máis importante que competir é colaborar e que máis importante que gañar é saber perder.
 
Ante ela, o alumnado de Educación Primaria (de 3º a 6º curso) e da ESO do CPI Atios, moi pendentes da súa exposición e moi participativos no coloquio posterior coa ex deportista.
 
Acudía ao centro escolar convidada polas docentes de 5º e 6º curso –Dolores Freire, Blanca Rivera, Rosa Pazos, Cristina Soto e Ana Ramos-. Un convite que se incluíu no proxecto «Cinco aros, cinco continentes», que se asenta nas Olimpiadas, as súas orixes e sobre cada unha das sedes que, dende 1896, foron acollendo os Xogos. E, neste terreo, Begoña Fernández era unha protagonista de excepción. A olímpica profundizou tamén no papel da muller no mundo do deporte, das dificultades e obstáculos que tivo que vivir en primeira persoa, e tamén na necesidade de compatibilizar deporte de alto nivel e estudos, xa que a carreira deportiva é moi curta. Así mesmo, non deixou pasar a oportunidade de achegar ao centro educativo a camiseta coa que disputou os Xogos de Londres, e mesmo compartiu cos estudantes a súa medalla.