Últimos días para participar no concurso de debuxo infantil para elixir á mascota do Océano Surf Museo 2020

O Concello de Valdoviño anima ao alumnado do CPI Atios e das escolas unitarias do CRA O Esquío –de todos os cursos e idades- a participar no concurso de debuxo organizado polo Océano Surf Museo coa idea de seleccionar a súa Mascota do Ano, unha imaxe que o representará neste 2020. O prazo de presentación de traballos no museo concluirá este domingo, 9 de febreiro.
 
O protagonista debe ser un animal mariño que reflicta o espírito e os valores deste deporte e debe realizarse sobre unha cartolina branca tamaño A4, relacionando ao mesmo tempo o surf co océano. A técnica é libre: lapis, cera, rotulador, témpera, óleo… Así, débese escribir o título pola parte de atrás –en ningún caso poñer o nome do/a autor/a no cara dianteira- e introducilo nun sobre pechado cos seguintes datos: título do deseño, nome e apelidos, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor legal.
 
O xurado valorará a orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto, e  o/a artista gañador/a recibirá un agasallo, que será entregado no propio museo e o seu debuxo terá a honra de representar ao museo durante o ano 2020.