O novo programa municipal “Concilia Mañás!” no CPI Atios arrancaba esta mañá con nove nenas e nenos

O programa «Concilia mañás!» arrancaba hoxe no comedor do CPI Atios coa participación de nove nenas e nenos. Trátase dun servizo de conciliación da vida laboral e familiar e almorzos impulsado polo Concello de Valdoviño. Dirixido a estudantes de entre 3 e 12 anos, desenvolverase de luns a venres de 8 a 9,30 horas. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, sinala que aínda quedan prazas libres, polo que as familias interesadas poden formalizar a súa inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial). Para máis información, teñen á súa disposición o teléfono 981 48 70 41 extensión 5.
 
O custe do servizo será de 30 euros ao mes, cun desconto do 20% por irmáns/ás. Teñen preferencia as persoas de Valdoviño e familias con actividade laboral. Trátase dun espazo de calma para iniciar o día con tranquilidade e desfrute dos sentidos: almorzo saudable, conversas, contos, música…
 
A mediados de novembro, o Concello animaba ás familias a cubrir unha enquisa para constatar a existencia de demanda do servizo, como así foi e, a partir de entón, activou o procedemento para habilitalo.