O Concello de Valdoviño, en FITUR

Un ano máis, o alcalde, Alberto González, desprazouse a FITUR xunto á concelleira de Turismo, Rosana García, e o edil de Deportes, Sergio Saavedra, para manter diversos encontros e xuntanzas con operadores nacionais e representantes doutras administracións públicas coas que entablar proxectos comúns de promoción turística.
 
Na xornada deste mércores, participaban na presentación do Pantín Classic, festa declarada de Interese Turístico de Galicia, e na mesma o alcalde avanzaba que este ano a cita celebrarase a mediados de agosto, adiantándose así no calendario respecto a anos anteriores. Tamén aproveitarán a súa estancia en FITUR para tomar parte este xoves na presentación dos proxectos de promoción turística que se están a impulsar dende a Mancomunidade, da que participa Valdoviño, como o Xeoparque Cabo Ortegal e a promoción do Camiño a San Andrés.
 
Un sector, o turismo, estratéxico hoxe en día para o desenvolvemento socioeconómico do municipio, especialmente vencellado aos seus recursos naturais e potencialidades para a práctica de deportes náuticos.