Concello e Club Bunkai animan a nenas e nenos a probar a actividade de karate nas xornadas de portas abertas

O pavillón do CPI Atios acollerá a próxima semana a primeira das dúas xornadas de portas abertas para que as nenas e nenos de Valdoviño e comarca poidan coñecer de primeira man o karate participando en clases de iniciación. Unha acción gratuíta que organiza o Club Bunkai, encargado de impartir a actividade no marco da programación deportiva que impulsa o Concello de Valdoviño no pavillón do centro escolar.
 
As xornadas de portas abertas celebraranse o vindeiro martes 21 de xaneiro e á seguinte semana, o martes 28. Será en horario de 16,30 a 17,30 horas para nenos e nenas de 6 anos en adiante e de 17,30 a 18,30 horas para pequenos e pequenas de entre 3 e 5 anos. Non é preciso inscribirse previamente, tan só achegarse nos días e horas sinalados.
 
Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, a actividade de karate celébrase durante o curso no pavillón do CPI, en dúas quendas en función das idades: o grupo I, con nenas e nenos de 3 a 5 anos, os martes de 17,30 a 18,30 horas e, o grupo II, para 6 e máis anos, os martes de 16,30 a 17,30 horas. O custe da actividade é de 10 euros ao mes e a inscrición é preciso formalizala no Rexistro Xeral da casa consistorial –primeira planta-.