O Concello promove o programa “SUMAS?”, de prevención e intervención para a mellora da convivencia nos centros escolares

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da posta en marcha, en colaboración co CPI Atios e o CRA O Esquío, do proxecto SUMAS? Un programa de prevención e intervención para a mellora da convivencia e o adestramento en técnicas e ferramentas máis eficaces na resolución dos conflitos e participación grupal. Para iso, contempla varias liñas de actuación: sesións en aula, creación da equipa SUMA, sesións coas familias e encontros e obradoiros cos docentes.
 
O traballo co alumnado estase a centrar nas aulas de 1º e 2º curso da ESO. Arrancaba no mes de decembro e prolongarase en sesións quincenais ata maio. Nelas, abordaranse contidos relacionados coas competencias emocionais, os estilos de afrontamento de conflitos e o pensamento crítico respecto a temas relacionados coa diversidade e os contextos de participación xuvenil. Nunha segunda fase, e en paralelo a estas sesións, prevese a creación da equipa SUMA, formado por un grupo de alumnas e alumnos que actuaría como mediadores entre iguais e que terían, entre outras, as seguintes funcións: difusión de actividades de interese, realizar mediacións escolares entre iguais, promover un trato respectuoso na convivencia e manter un discurso positivo en temas relacionados coa diversidade persoal e a saúde.
 
En relación ás familias, programaranse obradoiros de educación emocional e acompañamento nos conflitos. Dirixiránse ás familias de todas as idades e levaranse a cabo tanto no CPI como nas escolas unitarias. E, por último, plantéanse encontros formativos co profesorado respecto á xestión de aula e manexo de conflitos e máis un obradoiro de formación en mediación escolar, de modo que docentes e equipa SUMA puxesen en marcha o servizo no CPI Atios.