A Casa da Cultura de Valdoviño inaugura este venres a mostra “Pensar sobre as cousas”

A Casa da Cultura de Valdoviño inaugura este venres nova exposición baixo o título «Pensar sobre as cousas», un proxecto expositivo itinerante comisariado por Noa e Lara Castro Lema. Ten como base abordar o diálogo que dende o comisariado se pode establecer entre a arte e as artes aplicadas. A través das pezas de barro de Tonio Corral, oleiro en Buño, preténdese dignificar o cotián e falar sobre a utilidade do «inútil». O acto de inauguración terá lugar ás 19,30 horas. 
 
Facer unha peza única con ambición plástica conleva repensar unha forma e un material, estilizalo, deformalo, destruílo, para xerar un obxecto novo cuxo valor non reside xa na súa utilidade práctica, senón en ser o motor dunha comprensión máis profunda das causas cotiás. O inconformismo formal e a búsqueda (que neste caso e outros a artesanía comparte coa arte), indican que dende a tradición, entendida como legado de riqueza cultural, pódese avanzar e abrir novos camiños.
 
En homenaxe a esta inquedanza escolléronse sete pezas únicas, todas de diferentes coleccións de Tonio, para que cada artista puidese traballar sobre unha. A creación nunca xorde da nada, pero pode conducir a lugares que disten moito do punto de partida, a través do pensamento e da investigación plástica. Por isto, en resumo nove artistas de diferentes idades e traxectorias empregan a pintura, a música, a ilustración, a performance, a escultura, e o vídeo, para formalizar as súas propostas, partindo dun obxecto artesanal.
As artistas que traballaron arredor das sete pezas de barro de Tonio Corral e cuxo traballo se exhibe a partir deste venres en Valdoviño son: Doira Barrio en ilustración; Guillermo Cony en música; Pepe Eiras e Luisa Galbán en escultura; Alex Fuertes en pintura, e Cora Novoa e Lara Castro coa colaboración de Sergio Alonso en vídeo performance.