O Concello de Valdoviño mellorará o acceso e peche do local social de Vilaboa

As obras de mellora nos locais sociais de Valdoviño impulsadas polo Concello continuarán na parroquia de Vilaboa. Así, o alcalde, Alberto González, avanzaba que, a instancias da veciñanza, o Concello procederá á mellora do acceso e acondicionamento do peche do inmoble, antiga escola unitaria. Será con cargo ao POS Complementario 2019, e a intervención financiarase conxuntamente coa remodelación do antigo palco da música de Loira. En suma, un investimento superior aos 100.000 euros.
 
As obras saían a contratación a semana pasada e o prazo de presentación de ofertas manterase aberto ata o 28 de xaneiro. O anuncio de licitación pode consultarse na plataforma de contratación do sector público.
 
O local social de Vilaboa acolle na actualidade diversas actividades culturais e deportivas e, nos últimos meses, a veciñanza vén solicitando unha intervención na parcela que ocupa. Así, as obras previstas centraranse fundamentalmente no asfaltado da parte dianteira do local e na colocación dun novo peche de malla metálica nos lindes norte e oeste.