A Casa da Cultura acolle este domingo a presentación oficial do Calendario 2020

A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este domingo 22 de decembro a presentación oficial do calendario municipal para o 2020. Un acto que dará comezo ás 19 horas con entrada de balde e un calendario moi especial, xa que se elaborou coas imaxes presentadas pola veciñanza á convocatoria aberta polo Concello. Así, este ano ilustrarán os diferentes meses fotografías de Cristina Freire, Esperanza Vázquez, Inés González, Gustavo Lamas, Jacobo Núñez, María Aneiros, Mario Rodríguez, Álvaro Núñez, Carlota Montero, Alberto Valero e María Hermitas Couce.
 
É o terceiro ano consecutivo no que o Concello propón á veciñanza participar na súa elaboración achegando imaxes de espazos do municipio comparables con outro lugar do mundo. Unha singular iniciativa na que tomaron parte este ano 91 fotografías.
 
Trala presentación da publicación, terá lugar a actuación do grupo La Clave, coa súa proposta «Summer Jukebox». Grandes voces, musicalidade e unha pequena dose de humor daranse a man para crear un agradable ambiente familiar que permitirá gozar e alegrarse, dúas cuestións fundamentais para mellorar a calidade de vida.
 
Como broche de ouro ao acto, o Concello repartirá gratuítamente os calendarios entre o público asistente. A partir de aí, distribuiranse entre o tecido asociativo e estarán a disposición da veciñanza na casa consistorial e na Casa da Cultura.