Valdoviño acolle este xoves un Foro sobre Intelixencia Turística dirixido a empresas, xestores e técnicos de Turismo

A correcta presenza do destino Ferrolterra Rías Altas en Internet, como mellorar o seu posicionamento en Google Maps ou como posicionar e mellorar ás empresas turísticas en TripAdvisor son algúns dos temas dos que se van a falar no Foro de Intelixencia Turística promovido pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, ao abeiro do Convenio coa Axencia Galega de Turismo para a promoción turística do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas durante 2019.
 
A xornada desenvolverase este xoves 5 de decembro, de 16 a 20 horas, no Cámping Municipal de A Lagoa, emprazado na contorna da praia da Frouxeira. A participación é completamente gratuíta, pero require de inscrición previa a través do seguinte formulario http://bit.ly/ForoIT_Ferrolterra-RíasAltas.
 
Esta xornada é a culminación dun estudo sobre o estado e a presenza do territorio na web, que xa se fixo durante o ano 2018 e que quere mostrar a todas as entidades relacionadas co mesmo, os resultados.
 
O foro está distribuído en dous grandes bloques. Unha primeira parte na que a Axencia de Marketing Dixital Relacional BarmetMedia presentará as conclusións analizando cales son as principais brechas así como as principais ferramentas para mellorar o posicionamento; e unha segunda parte (tras un breve descanso) no que se tentará mostrar aos asistentes que é a intelixencia turística e como se pode aplicar tanto no destino como nas empresas privadas relacionadas co turismo ubicadas no territorio.
 
Unha vez rematada a parte teórica, a xornada remata cunha mesa de traballo final realizada entre as persoas asistentes, que ten como obxectivo poñer sobre a mesa accións de mellora e liñas de actuación para traballar a intelixencia turística aplicada ao Xeodestino Ferrolterra Rías Altas.
 
O foro busca que tanto xestores de turismo, empresas vinculadas a esta actividade e técnicos dos 21 concellos que conforman o xeodestino coñezan a situación actual da presenza do territorio no mundo dixital. E, ademais, darlle as ferramentas necesarias para activalo e aumentalo, mellorando as estratexias empresariais para conseguir un maior alcance e visibilidade online.