Andada polo Bo Trato este sábado en Valdoviño

A veciñanza ten este sábado 30 de novembro unha cita na Casa da Cultura. Ás cinco e media da tarde, partirá das instalacións culturais a VI Andada Urbana polo Bo Trato e para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha marcha reinvindicativa incluída na programación deseñada polo Concello de Valdoviño para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero.
 
Será un percorrido con destino á praia e lagoa da Frouxeira e, máis concretamente, ó monolito adicado á Muller que preside a entrada ao areal, obra da docente María Loureiro. Dende aí, as persoas participantes regresarán á Casa da Cultura.
 
Poderán seguir neste punto o espectáculo «Golpes», interpretado por Estíbaliz Veiga e dirixido por Xosé Leis, e enfocado a un público maior de 12 anos.
 
Nun mundo onde as mulleres son golpeadas continuamente pola presión social. A compañía aAntena saca o mellor do talento de Estíbaliz Veiga para poñer en escena un relato cru, mais directo polo cotiá das accións de como unha moza vai cedendo ata irse atopando fóra da súa personalidade. Un xeito directo fuxindo do tráxico para nos amosar como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega á violencia machista.
 
«Golpes» busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais presentados na súa vida “de todos os días”. Vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario, como hai un golpe continuo contra do latexo social. Máis Pamela conseguiuno e, dende aAntena pretenden sementar esa  visión dun “mundo mellor posible”.
 
Así, en «Golpes» unha actriz vai visitando os seus recordos inmediatos camiñando a partires dunha canción que fala dun sol nacente, dun novo amencer. Ela exponse ante os espectadores dando todos os rexistros, dende cando está tolamente namorada, cando ri, cando flirtea, cando sofre, cando berra, cando desespera, cando baila, cando goza...
 
Un camiño emocional, un “tour de force” onde Estíbaliz Veiga expón toda a súa capacidade emocional, o seu compromiso co xénero, as súas habilidades en escena (baile, interpretación, ...) na procura da maior verdade e honrar as mulleres que viaxan nesa fatídica travesía, procurando que non haxa máis vítimas.
 
Unha posta en escena sobre mínima escenografía, e mínimos recursos técnicos para darlle o máximo valor ás mulleres representadas.