Valdoviño recibiu hoxe a visita dos traveliners con discapacidade que exercerán de embaixadores de Ferrolterra como destino accesible

Unha comitiva de persoas con discapacidade, chegada de distintos puntos do país, visitou esta mañá o Concello de Valdoviño dentro do marco da iniciativa TravelIN. Unha Viaxe para tod@ s, para vivir unha experiencia de turismo activo e accesible. Esta iniciativa forma parte do proxecto de ASCM e a Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra. A visita, que arrincou o pasado domingo, finalizará mañá con excursións a Fene, Neda e Ferrol.
 
Durante a súa visita, as persoas participantes no proxecto visitaron algúns dos lugares máis singulares do municipio rexistrando, ademais, a súa experiencia e valoración en apps especializadas en Turismo Accesible, como  Tur4all, de  Predif, ou  Equalitas  Vitae. O Portal de Turismo Accesible.  A xornada arrincou coa obrigada visita ao Océano Surf Museo, onde foron recibidos polo alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García. A continuación, percorreron as fermosas paisaxes da costa que baña a localidade e a visita terminou con degustación de pratos típicos da nosa Comunidade Autónoma.
 
Así mesmo, durante a estancia dos  traveliners está a fomentarse o uso das redes sociais de participantes, administracións e establecementos co fin de converter TravelIN nunha experiencia inmersiva e aos turistas en auténticos  influencers con discapacidade. O principal obxectivo do proxecto é visibilizar o potencial da comarca en materia de turismo accesible e facelo dun modo real e próximo, a través da experiencia en primeira persoa de persoas con mobilidade reducida.