O Concello de Valdoviño convoca á veciñanza á VI Andada Urbana polo Bo Trato

O Concello de Valdoviño convoca, por sexto ano consecutivo, a Andada Urbana polo Bo Trato e para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha marcha reinvindicativa incluída na programación deseñada pola Administración local para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero. Celebrarase este sábado, 30 de novembro, e desenvolverase en horario de tarde para facilitar a asistencia.
 
Así, sairá da Casa da Cultura ás 17,30 horas para iniciar un percorrido ata o entorno da praia e lagoa da Frouxeira. Culminará no monolito adicado á Muller instalado hai tres anos, obra da docente María Loureiro. Dende aí, as persoas participantes regresarán á Casa da Cultura.
 
Poderán seguir neste punto o espectáculo «Golpes», interpretado por Estíbaliz Veiga e dirixido por Xosé Leis, e enfocado a un público maior de 12 anos.
 
Nun mundo onde as mulleres son golpeadas continuamente pola presión social. A compañía aAntena saca o mellor do talento de Estíbaliz Veiga para poñer en escena un relato cru, mais directo polo cotiá das accións de como unha moza vai cedendo ata irse atopando fóra da súa personalidade. Un xeito directo fuxindo do tráxico para nos amosar como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega á violencia machista.
 
«Golpes» busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais presentados na súa vida “de todos os días”. Vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario, como hai un golpe continuo contra do latexo social. Máis Pamela conseguiuno e, dende aAntena pretenden sementar esa  visión dun “mundo mellor posible”.
 
Así, en «Golpes» unha actriz vai visitando os seus recordos inmediatos camiñando a partires dunha canción que fala dun sol nacente, dun novo amencer. Ela exponse ante os espectadores dando todos os rexistros, dende cando está tolamente namorada, cando ri, cando flirtea, cando sofre, cando berra, cando desespera, cando baila, cando goza...
 
Un camiño emocional, un “tour de force” onde Estíbaliz Veiga expón toda a súa capacidade emocional, o seu compromiso co xénero, as súas habilidades en escena (baile, interpretación, ...) na procura da maior verdade e honrar as mulleres que viaxan nesa fatídica travesía, procurando que non haxa máis vítimas.
 
Unha posta en escena sobre mínima escenografía, e mínimos recursos técnicos para darlle o máximo valor ás mulleres representadas.
 
ESTRATEXIA MUNICIPAL DE PREVENCIÓN DAS VIOLENCIAS MACHISTAS
Así mesmo, esta tarde, a partir das 18 horas, o Concello presenta a Estratexia Municipal de Prevención das Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes. Un documento no que se estivo a traballar nos últimos meses a nivel municipal e comunitario co fin de activar os mecanismos e recursos necesarios para construír un concello libre de violencia machista. A súa presentación coincidirá co Día Mundial contra a Violencia de Xénero. Será esta tarde na Casa da Cultura con entrada libre.