I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible no Océano Surf Museo de Valdoviño

Valdoviño acollerá este xoves e venres as  I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible. Celebraranse no Océano Surf Museo con entrada libre e, segundo explicou o alcalde, Alberto González, con elas búscase crear unha canle de diálogo entre as entidades que, tanto no concello como na bisbarra, desenvolven a súa actividade económica en torno ao produto de surf. Deste xeito, o seu obxectivo fundamental é mellorar a competitivade do sector no territorio. Para iso, nas xornadas daranse a coñecer iniciativas xa consolidadas e de boas prácticas en comunidades como Asturias, Cantabria, Euskadi ou Canarias, e reflexionarase sobre o desenvolvemento dunha industria que debe ter en conta a conservación do medioambiente, o respeto pola cultura do surf, o desenvolvemento económico e social da poboación local, a innovación e a profesionalización das empresas creadas ao abeiro deste produto. A programación completa pode consultarse na web http://xornadasurf.com/.
 
As xornadas incluirán conferencias, coloquios e sesións de cine. Arrancarán o xoves 28 ás 10 horas con ponencias cun marcado carácter medio ambiental, de media hora, e a cargo de Tony Butt, de Save the Waves, que disertará sobre o efecto dos plásticos no medio;  Vicente Irisarri e Juanjo González, que presentarán o proxecto “Galicia Surfing Sostenible”, e David Blanco, de Surf and Clean, que falará das boas prácticas ambientais para os negocios de turismo e surf. Ao seu remate, ás 12 horas, celebrarase o acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde de Valdoviño e co presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e representación da Federación Española de Surf.
 
Regresarán as conferencias a partir das 13 horas, coa intervención do deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira Varela, centrada no surf como elemento de desenvolvemento local e, ás 13,30 h, seguiralle a exposición da Mancomunidade sobre a marca Costa das Ondas.
 
Trala pausa para o xantar, as xornadas retomaranse ás 16 h, coa presentación do documental «Caminando sobre las olas», de Surf Channel e TVE. Ás 16,30 horas, tomará a palabra Angel Lobo, presidente da Federación canaria de Surf, que falará sobre a protección das olas como recurso natural, económico e deportivo. Baixo o título «Surf e capacidade de carga en praias e destinos» abrirase de seguido un debate-coloquio. Por último, o primeiro día destas xornadas pecharase coa proxección do filme Artifishal- O camiño para a extinción está pavimentado de boas intencións.
 
A xornada do venres 29 de novembro arrancará ás 9,30 horas coa exposición de diversos casos de éxito exportables ao territorio. Serán Asturias (Mar González Iglesias, do municipio de Castrillón, abordará a participación pública nun evento de surf. Festival de surf en Salinas); Cantabria (Luis Cayón, xerente do plan del surf de Ribamontán al Mar, falará sobre surf a toda costa, primeiro produto turístico do surf en España); Euskadi («Estratexia intelixente e sectorial, fomento de Donosti: O impulso da industria do surf nun territorio» no que profundizará Ruth Jorde, representante do municipio); Canarias (Miguel Ángel Rodríguez Martínez, secretario xeral do Cabildo de Fuerteventura, que abordará a ordenación do surf como actividade de turismo activo), e de novo Euskadi (María Teresa Fernández García, do municipio de Sopela, concluirá coas ponencias baixo o título: «Sopela Kosta Fest, deporte, festa e oportunidade de desenvolvemento económico»).
 
Tras unha pausa de media hora para o café, a xornada continuará ás 12,30 h cun coloquio sobre a ordenación de usos das praias.
 
A clausura, a cargo do alcalde de Valdoviño, virá precedida da presentación da Rede de Villas do Surf (13 h).