Alumnado e equipo docente convírtense en arquitectos para redeseñar as zonas de xogo do CPI Atios de Valdoviño

A futura transformación dos patios do CPI Atios guiarase polos planos elaborados en base aos desexos, reflexións e intereses dos alumnos e alumnas e equipo docente do centro. Uns e outros convertíronse temporalmente en arquitectos para redeseñar esas grandes áreas de xogo, tomando parte nunha dinámica impulsada polo Concello de Valdoviño. Foi un proxecto cooperativo cuxos primeiros resultados avanzaban esta mañá o alcalde, Alberto González, e o director do CPI, Antonio Cebreiro.
 
O proxecto levouse a cabo entre os meses de abril e xuño e setembro e outubro. Estivo estruturado en varias fases. Unha delas, baixo o título «Como vivo o patio». A través de debuxos (as nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria) e de textos (de 1o a 4o curso da ESO), o alumnado plasmou que actividades realizan actualmente nos patios e cales son as súas preferidas. Elementos de xogo como os columpios e o tobogán e xogos como alturitas e sobre todo o fútbol protagonizaron as ilustracións e redaccións.
 
De seguido, o Concello de Valdoviño impulsou xunto ao equipo docente unha nova dinámica nos patios. Experimentar. Así, en días sucesivos, o alumnado foise atopando nas zonas de xogo con elementos como caixas de grandes dimensións e cordas, deceas de cadeiras, grandes manchas de cores no chan ou un sinfín de gomas de cores nas porterías. E, espontaneamente, nenos e nenas foron creando xogos nos que desaparecía por completo a segregación por cuestión de sexo.
 
A partir de aí, e novamente nas aulas, o alumnado respondeu a unha nova pregunta: «Como quero o meu patio». Apareceron nesta ocasión novas propostas. Entre elas, unha tirolina de grandes dimensións, unha pista de patinaxe, unha pista de skate, e zonas de estancia para conversar dispostas con mesas e cadeiras.
 
Uns bocetos que o Concello trasladou a planos a modo de anteproxecto de reforma coa vista posta, segundo avanzaba esta mañá o alcalde, en executalo en diferentes fases. O custe do mesmo ascende a 357.000 euros, polo que o Concello buscará o apoio doutras administracións para levalo a cabo. En todo caso, comezarase xa este ano e para iso cóntase coa total colaboración da dirección do centro. Será con pequenas intervencións que, no seu conxunto, construirán os patios que plantea a comunidade educativa.