Ibuprofeno Teatro trae este domingo á Casa da Cultura de Valdoviño “O Furancho”

A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este domingo 24 de novembro a comedia familiar «O Furancho», a cargo da compañía Ibuprofeno Teatro. Será a partir das 19 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo. A función, organizada polo Concello, conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.
 
Dirixida por Santiago Cortegoso, a obra está interpretada por Marián Bañobre e Isabel Risco, e conta no seu haber con diversos premios e recoñecementos. Entre eles, o Premio María Casares 2016 ao mellor vestiario e finalista na categoría ao mellor autor, ou o Premio Fetega (Festival do Carballiño) ao mellor espectáculo e mellor actriz (Isabel Risco).
 
Sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias, Marián Bañobre e Isabel Risco presentan o seu particular furancho, onde se pode consumir o excedente de viño, que é sinónimo de humor, e gozar dun espazo de comunión e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante.
 
E para quen non sexa de moito beber alcohol, no seu Furancho Spa resort vitivinícola Rosalía de Castro ofrecen tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia.