O Concello programa unha semana de música, teatro e danza en exclusiva para o alumnado de Valdoviño

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, reservou a axenda da Casa da Cultura desta semana para a música, o teatro e a danza. Pero sobre todo, para un público moi especial. De martes a venres programou unha serie de funcións e espectáculos con entrada exclusiva para os/as alumnos/as dos centros educativos de Valdoviño e, por segundo ano consecutivo, incorporou tamén unha proposta adaptada aos máis pequerrech@s: os/as pequenos/as usuarios/as da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia.
 
Precisamente, foron eles os que inauguraron onte o «ciclo cultural» coa súa participación na función «A alfombra máxica», a cargo da compañía Teatro Babaluva, aínda que neste caso foi nas propias instalacións do PAI. No día de hoxe, mércores, rapaces e rapazas do CPI Atios poderán seguir os «Contos do Recreo», de Redrum Teatro. Estudantes do CPI repetirán o xoves. Nesta ocasión, a compañía Street Dance Presto Vivace ofrecerá o seu espectáculo «Danzas urbanas e os seus estilos». E, pechando a semana, nenos e nenas do CPI e máis do CRA «O Esquío» poderán asistir este venres á representación da obra «Iván e Lobo Gris», a cargo de Musicrequeques.