Arrancan os talleres de musicoterapia en Pantín, Sequeiro e Vilaboa

Un total de 33 veciños e veciñas maiores de 55 anos participan dende esta semana nos obradoiros de musicoterapia que, baixo o título «Ponlle ritmo á vida!», vén de poñer en marcha o Concello de Valdoviño nas parroquias de Pantín, Sequeiro e Vilaboa (inicialmente tamén se contemplaba Meirás, aínda que non se reuniu un mínimo de participantes para iniciar as sesións). En todo caso, aínda quedan prazas libres, polo que as persoas interesadas poden anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais, de forma presencial –pranta baixa do consistorio- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5.
 
A actividade é completamente gratuíta e está guiada por AFAL –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca-. Celébrase os luns ás 16 horas en Vilaboa; os martes, ás 16 horas, en Pantín e, os xoves, ás 16 horas, en Sequeiro. A duración das sesións é de hora e media.
 
O Concello dá cumprimento ó seu compromiso de descentralizar as actividades para as persoas maiores nas distintas parroquias. Buscaba así facilitar a participación da veciñanza con independencia da súa proximidade ao centro urbano, evitando que os traslados supuxeran un obstáculo. Iso si, as actividades están abertas ós veciños e veciñas de todas as parroquias.