A Casa da Cultura acolle mañá unha xornada informativa sobre o Xeoparque do Cabo Ortegal

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, convida á veciñanza a participar mañá mércores na xornada informativa sobre o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura a partir das 18 horas.
 
Na mesma, ofrecerase información sobre que é un xeoparque, os seus beneficios no territorio ou casos doutros proxectos, xa en funcionamento, nos que se están a desenvolver actividades de éxito. A entrada é de balde.
 
Segundo explicou o alcalde, Alberto González, coa xornada búscase dar a coñecer o proxecto á poboación, xa que este é un requisito fundamental para lograr a súa participación e implicación efectiva, unha das premisas fundamentais dos xeoparques. Nesa liña está a traballar o territorio conformado polos concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño de cara á consecución da candidatura para a declaración do xeoparque do Cabo Ortegal por parte da UNESCO. Así, desde o ano 2016 estanse a levar a cabo accións para o impulso desta candidatura, entre as que destacan a asistencia e representación do territorio diante doutros xeoparques, a organización de xornadas e a contratación dunha imaxe corporativa.