O Concello convida á veciñanza a participar nunha xornada informativa sobre o Xeoparque o vindeiro mércores na Casa da Cultura

O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá o vindeiro mércores 13 de novembro unha xornada informativa sobre o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Será a partir das 18 horas e, a través da mesma, achegarase información sobre que é un xeoparque, os seus beneficios no territorio ou casos doutros proxectos, xa en funcionamento, nos que se están a desenvolver actividades de éxito. Aínda que a entrada é de balde requírese de inscrición previa, formalizando o seguinte cuestionario: bit.ly/XornadasXeoparqueCaboOrtegal.
 
Segundo explicou o alcalde, Alberto González, coa xornada búscase dar a coñecer o proxecto á poboación, xa que este é un requisito fundamental para lograr a súa participación e implicación efectiva, unha das premisas fundamentais dos xeoparques.
 
Nesa liña está a traballar o territorio conformado polos concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño de cara á consecución da candidatura para a declaración do xeoparque do Cabo Ortegal por parte da UNESCO. Así, desde o ano 2016 estanse a levar a cabo accións para o impulso desta candidatura, entre as que destacan a asistencia e representación do territorio diante doutros xeoparques, a organización de xornadas e a contratación dunha imaxe corporativa.