O Concello contrata a redacción da modificación puntual do planeamento para ordear a implantación de campamentos de turismo en solo rústico

Ordear a implantación de campamentos de turismo en solo rústico, como campings e infraestruturas para autocaravanas, e dar maior seguridade xurídica a estas instalacións levou ao Concello de Valdoviño a contratar un estudo para a redacción da modificación puntual do planeamento. Así o explicou o alcalde, Alberto González, para informar a renglón seguido da adxudicación dese estudo. Os resultados darán pé a esa modificación necesaria que deberá seguir, a partir de entón, a tramitación administrativa correspondente.
 
Nesta liña, o alcalde explicou que a decisión de iniciar este proceso vén derivada da crecente e forte demanda deste tipo de infraestruturas no municipio. A día de hoxe conta con tres campings –un deles municipal, o de A Lagoa e outros dous privados, Camping Valdoviño e Camping Fontesín (Meirás)- e unha área de estacionamento para autocaravanas, A Frouxeira Camperpark, que abría as súas portas hai unhas semanas. En total, ofertan 616 prazas, o que convirte a Valdoviño, sumando outros establecementos hoteleiros –hoteis, hostais, casas rurais ou apartamentos turísticos- no segundo municipio da comarca de Ferrol con máis prazas, ata 778, tan só por detrás da cidade naval.
 
Así mesmo, esa tendencia lonxe de decaer está a medrar, coa apertura de novos establecementos e o Concello ve neste sector un potencial aliado para a proxección turística do municipio vencellado especialmente á promoción dos deportes náuticos, nomeadamente o surf, e da riqueza dos seus recursos naturais.