O Concello celebra o Samaín con pasarrúas e contacontos no vello igresario de Loira

ACTUALIZACIÓN: ACTIVIDADE TRASLADADA Á CASA DA CULTURA POLA CHOIVA.
 
A celebración do Samaín que organiza o Concello de Valdoviño este ano arrancará este venres, ás 17,45 horas no vial de acceso ás naves de Cándido Hermida. Dende alí, nenos e nenas e maiores partirán para percorrer o camiño máxico ata o vello igresario de Loira. Nesta liña, o Concello anima ás persoas interesadas en participar en acudir cos seus disfraces, cabazas e candeas.
 
Xa no antigo cemiterio e igrexa de Loira, sobre as 18 horas, a compañía Odaiko ofrecerá o seu espectáculo «O espantamedos». Unha función na que se ensina que o medo, a pesares de facernos vivir momentos indesexables, nos protexe de multitude de perigos e situacións que poden resultar perxudiciais. Na obra propóñense un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que dun xeito ou doutro perviven na sociedade galega dos nosos días. Unha obra de Ignacio Vilariño, tamén director e intérprete da mesma, xunto a Juan Collazo.
 
O ambiente será perfecto, xa que o Concello trasladará ata este lugar as cabazas que están a preparar os alumnos e alumnas do CRA O Esquío e máis os pequerrechos e pequerrechas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia.
 
Iso si, en caso de choiva, as actividades trasladaríanse á Casa da Cultura.