O Concello invita a nen@s e maiores a celebrar o Samaín percorrendo o camiño ao vello cemiterio de Loira para asistir á función O espantamedos

O Concello de Valdoviño celebrará este ano o Samaín con diversas propostas culturais pensadas especialmente para o disfrute dos máis pequenos e pequenas da casa. Así, este venres, 1 de novembro, propón percorrer o camiño máxico á vella igrexa e cemiterio de Loira para asistir ao espectáculo «O espantamedos», a cargo da compañía Odaiko. E, o domingo día 3, participar no concerto que ofrecerá na Casa da Cultura Xoán Curiel, baixo o título «A Casa do Terror».
 
Máis polo miúdo, nenos/as e maiores están convocados este venres ás 17,45 horas no vial de acceso ás naves de Cándido Hermida. Agradécese que acudan con disfrace inspirado nesta celebración e, se o desexan, porten cabazas e candeas. Dende ese punto, iniciarase o camiño máxico ao vello igresario de Loira, escenario no que dende hai tres anos o Concello celebra o Samaín. Alí, sobre as 18 horas, a compañía Odaiko ofrecerá o seu espectáculo «O espantamedos». Unha función na que se ensina que o medo, a pesares de facernos vivir momentos indesexables, nos protexe de multitude de perigos e situacións que poden resultar perxudiciais. Na obra propóñense un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que dun xeito ou doutro perviven na sociedade galega dos nosos días. Unha obra de Ignacio Vilariño, tamén director e intérprete da mesma, xunto a Juan Collazo.
 
Programa para o domingo
Así mesmo, a programación do Samaín continuará o domingo 3 de novembro. Neste caso, na Casa da Cultura, onde Xoán Curiel ofrecerá a partir das 18 horas o seu concerto «A Casa do Terror». Unha proposta recomendada para nenos e nenas de entre 6 a 12 anos. Con entrada libre e de balde ata completar aforo, conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural.
 
“A Casa do Terror” é un espectáculo infantil explosivo e moi rico e atractivo musical e visualmente, ademais de moi participativo que mistura a música e a danza con elementos teatrais ou de clown. Estilos como o funk, o rock clásico, o pop, o reggae ou o swing atópanse neste espectáculo para nenos e nenas e público familiar.