A Mancomunidade promove un curso gratuíto de monitores de surf de nivel 2

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración da Deputación da Coruña, ofrecerá un curso de monitores de surf de nivel 2 a persoas empadroadas nos 21 concellos integrantes no Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Entre eles, Valdoviño.
 
Esta iniciativa forma parte da aposta por desenvolver o turismo activo no territorio, aproveitando a visibilidade internacional do surf para crear emprego arredor deste deporte e do resto de actividades implantadas no territorio (kaiak, rutas a cabalo, windsurf... e un longo etcétera).
 
O curso a impartir, coa denominación "ENTRENADOR NACIONAL EN SURFING NIVEL II (TDII)", resulta necesario para a creación e mellora da calidade das escolas de surf do territorio. O obxectivo é distinguir a Costa das Ondas como marca de calidade, non só polas características únicas das súas praias, senón tamén polo nivel dos profesionais que ofrecen actividades nelas.
 
As persoas interesadas deben inscribirse na web da Federación Galega de Surf www.fgsurf.org a partir do luns 28 de outubro ás 8 horas, e cumprir os requisitos que se especifican nesta web. O prazo de inscrición remata o mércores 30 de outubro e as prazas serán outorgadas por rigoroso orde de inscrición. O curso é gratuíto a excepción do importe das probas de acceso, que é reembolsable.