Producións Excéntricas trae este domingo a Valdoviño o seu espectáculo “Cartóons”

O auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo 27 de outubro «Cartoons», a cargo de Producións Excéntricas. A función dará comezo ás 18 horas, con entrada libre e de balde, e está dirixida a un público familiar.
 
Josito Porto e Víctor Mosqueira son os creadores, e intérpretes, de "Cartóons". A experiencia en distintos rexistros cómicos, a empatía e complicidade que conseguiron no espectáculo "Cranios privilexiados", e as súas variadas pericias artísticas convírtennos nos actores perfectos para levar a cabo este espectáculo de tan singular factura. Os dous artistas non deixarán pasar a oportunidade de mostrar os seus talentos para cantar e tocar instrumentos, e amosar as súas habilidades no campo da maxia. Víctor Mosqueira, a cargo tamén da dirección, ten a oportunidade de verter todos os coñecementos adquiridos na área do clown, a comedia física e os sketches de farsa contemporánea. Estes coñecementos parten, máis aló dun talento natural, da formación en Commedia dell Arte en Italia, traballos con Eric de Bont, a creación de lances cómicos para TV, as ultranoites da NASA, os espectáculos de Commediacon Ollomol e fundamentalmente, o longo camiño de experimentación e éxitos do dúo Mofa& Befa.
 
«Cartóons» aborda a historia de dous tipos abandonados nas marxes. Pode ser na marxe do mar, vivindo nunha pequena e coqueta illa. O que vulgarmente coñecemos como náufragos ou robinsones. Persoas que se perderon e teñen que aprender a facelo todo de novo, desde a cunca na que beber ata o smoking que necesitan para acudir a unha gala.
 
Pero tamén poden estar na marxe do primeiro mundo, obrigados a exiliarse da guerra da súa patria, para instalarse nos confortables valados que lles poñemos na porta da UE ou de EE.UU. Perderon todo e teñen que inventalo todo de novo.
 
Ou, para non viaxar tanto, poden ser marxinais que viven á marxe da nosa sociedade e converten o lixo en luxo.
 
Todo isto parece un drama, pero non o é. Se o contase un circunspecto xornalista de investigación sería sen dúbida motivo para o pranto. Pero os que penetran nestes mundos son dous clowns. A mirada inocente dos pallasos faranos ver as cousas diferentes aos medios de comunicación, e cando o agarimo do clown se atopa coa inocencia da infancia (a primeira, a auténtica) entre as dúas crean mundos que antes non existían. Os nenos ven o mundo como non volverán velo e os adultos que os acompañen poderán descubrir algo novo tamén.
 
Os clowns, que teñen algo de debuxo animado (cartoons) no seu modo paródico e eficaz de comportarse, viven rodeados de cartóns, nun mundo de cartón, esa materia valiosísima que, inexplicablemente, nós tiramos ao lixo diariamente.
 
O cartón serviralles para construír casas, tubaxes do gas, cortinas, revisteros, rolos de papel hixiénico, bandexas, edredóns, motos, ponchos, avións... en definitiva, todo o que a xente común vai comprar a unha coñecida multinacional sueca.
 
As escenas descritas, estimulan no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada. Tamén é un vehículo este espectáculo, de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a conciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia.
 
A arte poética de converter o lixo en bens de uso diario tamén incide nas tres famosas "R" s do ecoloxismo: reducir, reutilizar, reciclar.