IX Festival de Cantareiras este sábado en Meirás

O local social da AVV de Meirás acollerá este sábado 26 de outubro a novena edición do Festival de Cantareiras. Será a partir das 18 horas, con entrada libre, e a participación das formacións Pan Sen Fron, Rosalía de Castro (Cacheiras), Lembranzas do Condado (Doniños) e Mestura(Meirás).
 
Organizada pola AVV de Meirás, a Concellería de Cultura de Valdoviño colabora coa cita patrocinando a actuación de Pan Sen Fron, co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. Pan Sen Fron ofrece a posibilidade de mergullarse na sonoridade da Galicia máis arcaica a través das súas músicas tradicionais e, a partir de aí, ofrece unha viaxe por outras tradicións que teñen a pandeireta como alicerce nas súas músicas populares. Pezas como jotas e muiñeiras intercálanse con cantos sefardís, andaluces e de Castelá. O grupo consta de voces mixtas con diversas percusións de man.
 
Pan sen fron
Nace na Coruña no 2014 co obxectivo de estudar e coñecer a música tradicional galega a través da investigación e o traballo de campo, para así poder recuperar a tradición cultural da súa terra. A finais de 2016 consolidan a súa estrutura e actividade constituíndose como Asociación Cultural Pandeireteiras sen Fronteiros. Deste xeito, pretenden poñer en valor e difundir este patrimonio inmaterial, así como situar a música galega no contexto das músicas de raíz. Tamén se adican a explorar as tradicións orais de todo o mundo a través da propia, procurando similitudes co folclore doutros pobos e lugares. Teñen un repertorio de temas recuperados da tradición oral galega, froito de anos de investigación de campo, ao que van incorporando pezas doutros países e culturas. Un dos xeitos de levar a cabo os seus obxectivos é viaxar arredor do mundo para compartir a música, as súas cancións, os bailes tradicionais e a súa alegría. E, polo de agora, teñen viaxado a Romanía (2015), noroeste da India (2016), Campania, sur de Italia (2017) e Fes, Marrocos (2017).
 
Outra vía de intercambio musical e cultural é establecer colaboracións con grupos e asociacións doutros estilos musicais e doutros países. A día de hoxe teñen colaborado con Radio Cos, un dos máximos expoñentes da música galega de raíz na actualidade; Ponxa Intenso, banda de funk-rock tuareg; Noriko Ishizuka, pandeireteira do Xapón; e Brigan, banda do sur de Italia que fusiona música do noroeste ibérico coa da súa terra.
 
Este grupo ten un carácter e personalidade singulares, que fan de cada actuación un evento diferente. Son innovadores, pero sempre fieis e respectuosos coas súas tradicións.