Medio centenar de veciños e veciñas viaxan este sábado a Compostela da man do Concello

Medio centenar de veciños e veciñas de Valdoviño tomarán parte este sábado na viaxe a Compostela organizada polo Concello de Valdoviño no marco do proxecto municipal «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo». Unha iniciativa cunha moi boa acollida por parte da cidadanía, que completou as prazas ofertadas.
 
A visita, guiada, permitiralles coñecer a esencia e xerme do Xacobeo, e incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental.
 
O proxecto municipal no que se enmarca conta co apoio e financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro do programa «O Teu Xacobeo», co que ambas administracións buscan divulgar a especial vinculación que, ao longo da historia, mantiveron e manteñen o Camiño de Santiago e o Camiño a Santo André, tamén coñecido como camiño francés a Teixido. Un programa que contemplou tamén charlas, proxeccións e unha peregrinaxe a Santo André.