Novos pasos para materializar a mellora da estrada entre Valdoviño e Cedeira

A ansiada mellora da estrada entre Valdoviño e Cedeira (AC566), na que levan traballando a Xunta e os dous concellos durante os últimos catro anos, está hoxe máis próxima a converterse nunha realidade. Os alcaldes de Cedeira e de Valdoviño, Pablo Moreda e Alberto González respectivamente, mostraban a súa satisfacción pola publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas polo que se somete a exposición pública a primeira fase do proxecto constructivo, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polas obras.
 
Un proxecto que, coinciden Moreda e González, busca esencialmente mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade vial e reducir os tempos de percorrido entre os dous municipios, favorecendo así a súa conexión coas principais cidades galegas e facilitando a circulación aos veciños das dúas localidades.
 
E un obxectivo no que os concellos de Cedeira e Valdoviño levan traballando catro anos cóbado con cóbado coa Xunta, a través de diversas reunións entre políticos e técnicos.
 
Así, esta primeira fase da intervención contempla habilitar tres carrís practicamente en todo o tramo entre o Carballal –saída da parroquia de Valdoviño, á altura da estrada provincial que dá acceso ao CPI Atios- e A Ramalleira, en Pantín. En concreto, en tres treitos de 800 metros cada un que cubren case que a totalidade da vía entre os dous puntos. Habilitando ese terceiro carril, os dous rexidores están convencidos, e así o avalan os informes técnicos, de que a vía gañará en fluidez e mellorarase substancialmente a mobilidade.
 
emais, concellos e Xunta xa traballan na redacción dunha segunda fase, que incorporará dúas importantes propostas trasladadas por Cedeira e Valdoviño. En concreto, habilitarase un terceiro carril na estrada ao seu paso pola parroquia de Esteiro para facilitar os adiantamentos e proponse a mellora da intersercción da estrada á altura do vial que dá acceso ao CPI Atios. Un cruce a mellorar, tanto en condicións de visibilidade como de control de velocidade, e que rexistra unha alta densidade de tráfico.