O Concello habilita Novas Valdoviño, unha canle de difusión de información municipal a través de Whatsapp

O Concello de Valdoviño vén de activar Novas Valdoviño, unha nova canle de difusión de información municipal a través de whatsapp. Súmase ao servizo de mensaxería de texto e aos envíos por correo electrónico que viña realizando ata a data.
 
A través do mesmo, as persoas interesadas poderán recibir cada día información de interese municipal, axenda de actividades deportivas, culturais ou sociais, avisos, incidencias, convocatorias... Para darse de alta tan só é preciso seguir dous pasos: engadir á libreta de contactos o número 626 95 89 72 e enviar a ese número un whatsapp coa palabra ALTA e o nome e apelidos.
 
O Concello enviará as mensaxes de forma individual, xa que é unha lista de difusión, non un grupo. Así mesmo, para darse de baixa é tan sinxelo como enviar un whatsapp ao número sinalado coa palabra BAIXA nome e apelidos.
 
Trátase dun servizo de difusión de contidos, non de consulta. Para isto, o Concello pon a disposición da veciñanza as canles habituais. Así mesmo, para a comunicación de incidencias, o Concello tamén conta co whatsapp do Veciño: 619 410 161.