O Concello estenderá a tecnoloxía LED ao núcleo de A Carreira e estrada AC566

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de adxudicar os traballos de renovación do alumeado público na estrada AC-566, un dos principais accesos á localidade, ata o Cabezal, e máis en todo o núcleo de A Carreira (Sequeiro). Unha intervención na que se investirán 34.445,67 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.
 
Deste xeito, o Concello renovará un total de 135 antigas lámpadas de vapor de sodio por novas luminarias con tecnoloxía LED. Será nos tramos de Robles (entrada a Valdoviño), Cabezal e Carreira (na estrada que vai cara a San Sadurniño e os distintos ramais existentes da zona).
 
Unha actuación que busca o obxectivo marcado polo alcalde de estender a tecnoloxía LED ao 100% do municipio para mellorar a calidade lumínica do alumeado e reducir o consumo eléctrico e, en consecuencia, rebaixar a factura. Neste proxecto, a redución estimada nos consumos segundo a zona oscila entre o 55 e o 67%.
 
Intervencións previas
Así, no marco deste plan de eficiencia enerxética, o Concello de Valdoviño ten completado a renovación por LEDs na AC 116 (entre a rotonda de Robles o límite con Narón), nos núcleos de Viansil, de Lavacerido, de Taraza, na contorna da praia e lagoa da Frouxeira, na Travesía de Atios, na Porta do Sol, nos entornos do CPI Atios, Centro de Saúde e Casa da Cultura, en puntos das parroquias de Loira, Pantín e Vilarrube, no Carballal e na Avenida Areeiros. E, máis recentemente, na contorna das vivendas de Mourente, así como no aparcadoiro do campo municipal de fútbol, en obras tamén para habilitar o primeiro terreo de xogo de herba artificial do municipio.