O Concello abre a preinscrición para a visita en autocar a Santiago de Compostela

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello abrirá este luns, 7 de outubro, o prazo de preinscrición para anotarse á visita guiada a Santiago de Compostela que organiza o 19 de outubro no marco do proxecto «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo». As persoas interesadas en participar deben anotarse na Casa da Cultura, de 10 a 14 horas (ata o xoves 10 incluído). As prazas están limitadas –arredor de 45- e o custe é de 10 euros.
 
Para a concesión das prazas valorarase, entre outros aspectos, a asistencia ás outras dúas actividades relacionadas co proxecto (a proxección do filme «The Way» o día 11 e a charla sobre os camiños a Santo André e Santiago, o día 15) ou estar empadroado en Valdoviño.
 
A visita permitirá aos veciños e veciñas coñecer a esencia e xerme do Xacobeo, e incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental.
 
O proxecto municipal no que se enmarca conta co apoio e financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro do programa «O Teu Xacobeo», co que ambas administracións buscan divulgar a especial vinculación que, ao longo da historia, mantiveron e manteñen o Camiño de Santiago e o Camiño a Santo André, tamén coñecido como camiño francés a Teixido.