A praia da Frouxeira acollerá o XVII Campionato de Surfcasting por parellas

A praia da Frouxeira acollerá o vindeiro sábado 26 de outubro o XVII Campionato de Surfcasting por parellas. Organizado pola Peña O Rodaballo, a cita conta coa colaboración do Concello de Valdoviño, que patrocina ademais dous trofeos para os dous mellores clasificados empadroados no municipio.
 
A inscrición na competición desta modalidade de pesca deportiva dende a beira da praia está aberta –pecharase o xoves 24 de outubro-. Poden participar parellas mixtas, masculinas ou femininas. O único requisito é contar con 18 ou máis anos e licenza federativa –que se pode expedir para a proba-. Para anotarse debe enviarse un correo electrónico ao enderezo rodaballoferrol@gmail.com ou chamar ao teléfono 650 58 23 43. A cuota é de 25 euros por persoa.
 
Dende a organización, sinálase que haberá dúas mangas. A primeira, de 17 a 20 horas. Seguiralle unha hora de descanso e, ás 21 horas, arrancará a segunda manga. Ata as 24 horas. Parada entón para cear e, ao remate, celebrarase a entrega de trofeos. Amais dos sinalados, haberá trofeos para as cinco primeiras parellas clasificadas, para a que capture a peza maior e para a que se faga co maior número de pezas.