O Concello abre a inscrición nos talleres gratuítos de estimulación cognitiva

O Concello de Valdoviño reedita a súa aposta polos obradoiros de estimulación cognitiva para maiores de 60 anos. E, esta mañá, o alcalde, Alberto González, informaba da apertura do prazo de inscrición na actividade, con participación completamente gratuíta e preferencia para as persoas empadroadas no municipio de Valdoviño. Pode formalizarse na Casa da Cultura, ata o venres 11 de outubro (incluído), de luns a venres e en horario de 10 a 14 horas.
 
As sesións desenvolveranse na Biblioteca Municipal de Valdoviño os xoves (en dúas quendas de ser necesario : de 16 a 17 e de 17 a 18 horas) e os martes no local social da AVV de Meirás (de 9,30 a 10,30 horas).
 
Impartidos polo técnico Daniel Cartelle, entre as actividades formativas a realizar están os traballos para mellorar a fixación; traballos para mellorar as memorias: curto e longo prazo. Sensorial, semántica, episódica (autobiográfica), de recoñecemento, declarativa (recordos que necesitan ser evocados), e procedimental (actos da vida diaria adquiridos e executables); traballos de nivelación cultural, e xogos lúdicos de estimulación cognitiva.