O Concello incorpora á súa oferta deportiva atletismo para nen@s a partir de 4 anos

O Concello de Valdoviño incorpora á súa programación de actividades deportivas as clases de atletismo. Nesta liña, o concelleiro de área, Sergio Saavedra, explicou que se celebrarán dous días á semana, con sesións dunha hora. Será no CPI Atios, onde se dispón de espazo cuberto, que se adaptará para os xogos de atletismo. A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos que desexen iniciarse neste deporte. Así, o prazo de inscrición está aberto e as persoas interesadas deben apuntarse no rexistro xeral de luns a venres de 9 a 14 horas, entregando a ficha de inscrición e fotocopia do DNI do participante ou libro de familia (e volante de empadronamento soamente no caso de que no DNI non poña a dirección de Valdoviño co ánimo de confirmar a residencia no concello). O prezo da actividade é de 10 euros.
 
Con esta actividade preténdese introducir aos nenos e nenas do Concello nos hábitos de vida saudable a través do deporte. Neste caso, un deporte moi completo como é o atletismo. Para moitos descoñecido, o atletismo é moito máis que correr e, por isto, en colaboración co Club de Atletismo Narón se vai a orientar a actividade de forma divertida: saltar, lanzar, correr... xogar, compartir e moito máis!