Carlos Bouza e Luz Cercido, gañadores da IV Milla Urbana Concello de Valdoviño

Carlos Bouza e Luz Cercido proclamáronse vencedores da cuarta edición da Milla Urbana do Concello de Valdoviño. Unha cita deportiva cun marcado carácter solidario, xa que a recadación das inscricións destinouse a Cáritas Valdoviño. Así mesmo, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, entregaba á pequena Lola Caneiro Fraga, de tan só 2 anos, o seu premio como participante máis nova e o alcalde, Alberto González, facíalle entrega a José Pantín López, de 73, o recoñecemento como o corredor máis veterán.
 
A clasificación do resto de categorías da proba, disputada no día de onte no paseo da lagoa da Frouxeira, completouse do seguinte xeito: en Sub 10 subiron ao máis alto do pódium Guillermo Paradela Souto e Irene Sequeiro; en Sub 12, Daniel Santos Lago e Candela Couce; en S14, Damián Suárez Couto e Andrea Díaz Iglesias e, en S16/18/20/23/Sr/M1, Roberto Martínez Castro e Rosalía López López.
 
A carreira estivo organizada polo Concello de Valdoviño e contou coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación provincial, Protección Civil de Valdoviño e Coca Cola.
 
Así mesmo, o Concello entregou medallas a todos os participantes menores de 18 anos.