@s pequerrech@s da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño súmanse ao Día Internacional das Persoas Xordas

Os pequenos e pequenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño adiantáronse esta mañá á conmemoración do Día Internacional das Persoas Xordas, que se celebra o 30 de setembro. Así, grazas á colaboración das familias, compartiron a lectura dun conto en lingua de signos, «Os tres porquiños», que foi guiado por Alba Soto, nai dunha das nenas.
 
Querían deste xeito pór o seu graíño de area á ardua tarefa de visibilizar ás persoas con perda auditiva, as súas necesidades e heteroxeneidade. Así mesmo, e tras días de ensaios, nenos e nenas cantaron en lingua de signos a canción «Os días da semana». Unha práctica que continuarán ao longo do curso.