O Concello de Valdoviño organiza este sábado unha Peregrinaxe a Santo André

O Concello de Valdoviño, en colaboración coa Xunta de Galicia, celebrará este sábado 28 de setembro unha Peregrinaxe a Santo André. Será no marco do proxecto «Dende os Camiños de Peregrinación ata o Xacobeo», cofinanciado pola Administración autonómica ao abeiro do programa «O Teu Xacobeo». Na iniciativa, tomarán parte máis dun centenar de persoas anotadas previamente. Todos elas partirán mañá ás 8 horas do aparcadoiro situado en fronte a Casa «Joselito» para completar unha camiñada duns 28 quilómetros. Nela explicarase pormenorizadamente a súa historia, lendas e vinculación con Santiago. Así mesmo, nalgúns puntos do percorrido as persoas participantes poderán gozar de performances nas que se recrearán acontecementos tradicionais do camiño, como pode ser o das caldupeiras.
 
Así mesmo, os participantes poderán disfrutar do xantar. A excursión inclúe tamén unha visita á Capela da Fame e avituallamento. O regreso, en autocar, está previsto para as 18,30 horas e recoméndase levar roupa cómoda e calzado adaptado.
 
O programa
Ademais, o programa continuará o 11 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, coa proxección da película “The Way”, que aborda a historia de Tom Avery (personaxe interpretado por Martin Sheen) que representa a un oftalmólogo de renome que recibe a noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Cando Tom se despraza ata o lugar para preparar o enterro, descobre que Daniel estaba a realizar o Camiño de Santiago e decide entón completar a ruta que o seu fillo non puido facer. No cine fórum posterior á película debatirase acerca de como a película incitou a moitos estadounidenses a facer o camiño e das vivencias que os participantes nas visitas programadas sacaron en relación ao camiño. A entrada é libre, aínda que o aforo está limitado a 180 prazas.
 
O 15 de outubro, e no mesmo escenario, o arqueólogo Ángel Concheiro Coello impartirá a charla «Camiños de peregrinación ao longo da historia: camiño de Santo André, Camiño a Teixido e Camiño de Santiago. Recoñecemento social da poboación local”. Aínda que a entrada é libre, será requisito asistir á charla para tomar parte nas visitas a Santo André e a Santiago.
 
E, como broche de ouro ao proxecto, celebrarase unha visita a Santiago de Compostela o 19 de outubro para dar a coñecer aos veciños e veciñas a esencia e xerme do Xacobeo. Incluirá a visita ao Pórtico da Gloria e ao Museo da Catedral, así como un percorrido pola zona monumental. As prazas están limitadas a 50, o custe é de 10 euros e é preciso inscribirse previamente. Informarase proximamente das datas.
 
Nesta liña, solicitaráselles ás persoas participantes nas visitas a Santo André e Santiago que, finalizadas as mesmas, presenten unha fotografía que recolla o mellor momento do seu camiño nesta experiencia. Imaxes coas que o Concello organizará unha exposición nos vindeiros meses.