O Concello de Valdoviño celebra este domingo a súa Milla Urbana

O Concello de Valdoviño celebra este domingo 29 de setembro a IV Milla Urbana. O paseo da lagoa da Frouxeira convertirase no privilexiado escenario da cita deportiva, dirixida a nenos e maiores e cun marcado carácter solidario. Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que a recadación íntegra das inscricións destinarase a Cáritas Valdoviño e, para aqueles que desexen colaborar pero non poidan participar, habilitouse o Dorsal O. O custe da inscrición fixouse en 3 euros para maiores de 18 e gratuíta para menores desa idade. O prazo pechábase onte, contabilizando preto dun centenar de inscritos. En todo caso, aínda queda algunha praza libre, polo que as persoas interesadas poderán anotarse o propio domingo 29 de 10 a 10,30 horas no lugar da carreira.
 
 
Saavedra explica que o percorrido discurrirá ao longo do paseo da lagoa da Frouxeira, nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias de cada unha das categorías. De entre 100 e 1609 metros. Son estas: biberón (nados no ano 2012 e posteriores); Sub10 (2010-2011); Sub12 (2008-2009); Sub14 (2006-2007); Sub16 (2004-2005); Sub18 (2002- 2003); Sub20 (2000-2001); Sub23 (1997-1999); Senior (1985-1996); Máster1 (1979-1984); Máster2 (1970-1978); Máster3 (1960-1969) e Máster4 (1959 e anteriores). A saída estará sinalizada na caseta de socorrismo do areal e tamén será escalonada, partindo ás 11 horas. Organizada polo Concello de Valdoviño, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación provincial, Protección Civil de Valdoviño e Coca Cola.
 
 
Haberá medallas para todos os participantes menores de 18 anos e para os tres primeiros clasificados, en masculina e feminina, para o resto de categorías, así como trofeos para o/a primeiro/a da absoluta e para o participantes máis novo/a e máis veterán/a.