Últimos días para anotarse na I Quedada Motera Solidaria organizada polo Cámping A Lagoa de Valdoviño

Coa colaboración do Concello de Valdoviño, o Cámping municipal de A Lagoa organiza o vindeiro sábado 5 de outubro a I Quedada Motera Solidaria. Arrancará ás 10 horas coa concentración no cámping. Ás 11 horas, iniciarase unha ruta baixo a denominación «Litoral Norte» e previsión de chegada ás 12 horas, con parada incluída, en Ortigueira. De aí, regresarase ao cámping para disfrutar, sobre as 14,30 horas, dunha caña de benvida e dun xantar de confraternidade con sorteo de agasallos, música e festa. O custe da actividade é de 15 euros (con caña e xantar) e, se se desexa reservar aloxamento no cámping, o prezo será de 10 euros para unha persoa e de 15 para dúas.
 
Dende o Cámping, lémbrase que o prazo de inscrición conclúe este xoves 26 de setembro e que debe formalizarse no correo electrónico reservas@campingalagoa.com. Así mesmo, parte da recadación destinarase á adquisición de produtos alimenticios non perecedoiros que se entregarán a Cáritas Valdoviño para o seu reparto en colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais.
 
A iniciativa, que promove o Cámping A Lagoa, conta tamén co patrocinio de Obra Social La Caixa e Estrella Galicia.